SEGUEN
A FACER RECORTES EN DEREITOS ASISTENCIAIS E NA SANIDADE PÚBLICA: NON
AO PECHE DE CAMAS EN SAÚDE MENTAL
Á
Conselleira de Sanidade e aos seus Xerentes dálles igual que as
condicións de saúde mental da poboación se teñan agravado, cuns
indicadores de mala evolución incontestables: o aumento de
trastornos psíquicos, o incremento dos suicidios, a elevación do
consumo de psicofármacos, a maior morbi-mortalidade daqueles que
sufren trastorno mental grave. Estos indicadores, entre outros, non
son os datos que orientan a súa xestión. A quen nos goberna élle
indiferente que a situación dos máis febles da sociedade siga a
empeorar. Eles teiman nos recortes en servizos esenciais para a
poboación, nomeadamente da sanidade pública.
Para
este verán, outramente, volven tentar pechar prazas de
hospitalización psiquiátrica na Área Sanitaria de Compostela.
Pretenden eliminar 15 prazas hospitalarias na Unidade de
Hospitalización Psiquiátrica do Hospital Medico - Cirúrxico de
Conxo.
Argumenta
a Conselleira que é debido ás vacacións do persoal, e que sempre
se fixo así, e que tamén sempre se protestou por iso. Só ten
razón na última das afirmacións. No referido á atención ás
persoas con enfermidade mental os dous primeiros argumentos son
radicalmente falsos. Minte a Consellería, coma o ano pasado xa
mentía o Xerente da Área de Santiago cando argumentaba que se
podían pechar prazas de hospitalización psiquiátrica no Hospital
Gil Casares porque a ocupación era baixa (cando daquela era superior
ao 85%, e quen así argumentaba era coñecedor diso).
Non
lograron pechar o ano pasado, no que foi o primeiro intento de
supresión de prazas psiquiátricas aproveitando o que chaman “peche
estacional”. Entón non é certo que sempre se fixera.
Tampouco
o é que sexa por causa das vacacións do persoal asistencial, xa que
os profesionais de saúde mental veñen asumindo dende sempre
temporalmente a variación da carga de traballo estacional para
posibilitar o descanso de todos/as, sen por iso eliminar ningún
recurso asistencial. Minten así outra vez.
Ocultan
que o recorte que dende a Consellería e a Xerencia da Área se está
a realizar en persoal asistencial, como parte da sua xestión da
crise, fai que se achegue o momento da redución de prazas
hospitalarias. Con isto recórtanse xa abertamente os dereitos
asistenciais dos cidadáns e especialmente dos máis vulnerables e
necesitados. Parecen pensar que os cidadáns enferman por riba das
súas posibilidades.
Dende
o Movemento Galego da Saúde Mental afirmamos que non sobra,
nin tan sequera temporalmente, unha soa praza de hospitalización
psiquiátrica na Área Sanitaria de Compostela, xa que as condicións
de saúde mental da poboación están a agravarse e os padecementos
psíquicos non son estacionais. Afirmamos tamén que se está a
restrinxir inxustamente o dereito dos cidadáns ao tratamento
hospitalario mediante a negativa a realizar ou demorar o ingreso
psiquiátrico, ou mesmo dando a alta precozmente, derivando así de
xeito inaceptable a carga do coidado e a asistencia sobre as familias
dos pacientes.
Non é
tolerable o peche dun só recurso de atención á saúde mental. A
infradotación nesta área asistencial é recoñecida por todos. O
empeoramento da saúde mental da poboación por culpa da crise está
demostrado. É unha proba de inxustiza, insensibilidade e
irresponsabilidade dos nosos gobernantes reducir recursos de
hospitalización psiquiátrica nun momento así.
O
Movemento Galego da Saúde Mental chama a todos, profesionais,
usuarios, familias, cidadáns, organizacións sociais e institucións
públicas, a opoñerse cívicamente a estas pretensións dos xestores
da sanidade pública galega, a defender o patrimonio de todos, e a
pelexar polo dereito á saúde e á asistencia sanitaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario